Monday 06 de May de 2024

Máis dun milleiro de raíñas de avespa velutina capturadas grazas á campaña desenvolvida polo Concello de Boqueixón


Durante o verán retiráronse arredor de medio cento de niños en distintas parroquias do municipio

A campaña Axúdanos a loitar contra a velutina, promovida polo Concello de Boqueixón, facilitou a captura de máis dun milleiro de raíñas de avespa velutina. “Estes resultados non serían posibles sen a colaboración da veciñanza”, indica o alcalde boqueixanés, Manuel Fernández Munín, quen agradece “os esforzos realizados” por parte de todas as persoas que colaboraron no desenvolvemento desta iniciativa.

A campaña deu comezo a finais do pasado mes de abril coa entrega de preto de 100 trampas para velutina que se repartiron entre os veciños e veciñas. Dende Protección Civil prestaron a súa colaboración para realizar un seguimento de ditas trampas. Esta primeira fase da campaña concluíu coa captura de máis de 1.000 raíñas desta especie invasora. “A media de capturas foi de entre 10 e 15 raíñas por trampa colocada durante a primavera”, concreta o rexedor.

Nas últimas semanas, o Concello de Boqueixón está a recibir “entre dous e tres avisos diarios para realizar a retirada de niños en distintas parroquias”. Unhas medidas que se reforzan co labor da veciñanza que tamén levou a cabo a retirada de varios niños de avespa velutina nos seus terreos. No conxunto do verán foron arredor dun cento os niños retirados en distintos puntos do municipio.

Dende o Concello de Boqueixón lembran á veciñanza a necesidade de ter cautela á hora de rozar os seus terreos, xa que os niños se poden atopar entre os arbustos. “Deben ter moito coidado, porque pode resultar moi perigoso se tocan algún niño de avespa velutina”, explica Manuel Fernández Munín. Ante unha situación deste tipo, lémbrase aos veciños e veciñas que deberán chamar a Protección Civil ou ben ao 012.